Friday 03 de May de 2024

As Xornadas do Bonito da Lonxa enriquecerán este verán a oferta gastronómica da Coruña


Un total de 16 restaurantes ofrecerán tapas e pratos elaborados con este peixe nestas primeiras xornadas, que se celebrarán do 15 de xullo ao 15 de agosto

O sector gastronómico coruñés estrea este verán as I Xornadas do Bonito da Lonxa da Coruña, que se celebrarán en restaurantes da cidade entre o 15 de xullo e o 15 de agosto. O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos da cidade, colabora na posta en marcha desta iniciativa, organizada por Coruña Cociña, un colectivo de chefs da cidade. Un dos obxectivos destas xornadas é poñer en valor un produto de gran valor gastronómico, como é o bonito que sae da Lonxa da Coruña.
As xornadas presentáronse esta mañá na lonxa nunha rolda de prensa na que participaron Moisés Jorge Naranjo, xerente do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña; Javier Freijeiro, presidente de Coruña Cociña; Juan Carlos Corrás, presidente da Lonxa da Coruña; Pedro Pastur, responsable de Trade Marketing de Estrella Galicia e numerosos cociñeiros e cociñeiras que participan nesta iniciativa.
Son 16 os establecementos que forman parte de Coruña Cociña e que poñen en marcha estas primeiras xornadas gastronómicas centradas no bonito: A Taberna de Miga, Charlatán, Culuca, Greca, Intenso, Millo, NaDo, Pablo Gallego Restaurante, Peculiar, Pracer, Pulpeira de Melide, Salitre, Taberna da Tabacalera, Terreo, Ultramarinos Galera e Vinoteca Jaleo. Nesta iniciativa colaboran, ademais do Concello da Coruña a través do Consorcio de Turismo e Congresos da cidade, a Lonxa da Coruña, aportando aos restaurantes o produto necesario, e Estrella Galicia, apoiando na promoción e na Cultura da Cerveza.
O xerente do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, Moisés Jorge Naranjo, expresou o seu agradecemento ao colectivo Coruña Cociña por esta iniciativa, “que suma moito ao éxito turístico da cidade”. Tamén á Lonxa da Coruña, por ser unha peza fundamental para a gastronomía coruñesa, con produto de máximo nivel. “A marca Peixe da Lonxa da Coruña é un referente para poñer en valor o produto desta lonxa. Conta co noso apoio”, apuntou o xerente na inauguración.
Segundo Jorge Naranjo, a gastronomía local é un piar fundamental para o turismo na cidade. “É un dos motivos na potenciación do turismo MICE, o turismo de congresos. Un dos motivos polos que elixen A Coruña para celebrar grandes eventos. O ano pasado houbo 22 congresos e 11 feiras, ás que asistiron 200.000 profesionais. E isto é posible grazas a iniciativas coma estas, á restauración e a empresas como Estrella Galicia, que apoian este tipo de eventos”, expresou.
Os comensais poderán degustar Bonito da Lonxa da Coruña nos restaurantes citados en formato tapa, ración dentro da carta ou menú degustación, xunto cunha proposta de maridaxe realizada por Estrella Galicia, con 1906.
Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña
Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista.